altext

ULTRANOITE #118

SALA CAPITOL

Desde 24,20 €

Comprar
05/01/27 - 09/01/27
Información sobre o evento
PROHIBIDA A ENTRADA A MENORES DE 16 ANOS

TEATRO | CHÉVERE | ULTRANOITE #118
5, 6, 7, 8, 9 xaneiro | 22:00h | 22,00€ + gastos
www.grupochevere.eu
ENTRADAS SEN NUMERAR (asentos dispoñibles por orde de chegada). Apertura de portas 21:00h

O mércores 6 a función contará con intérpretes de lingua de signos en escena: Gema Santos e Lucía Marcos.
As localidades para persoas xordas estarán reservadas nunha zona con boa visibilidade do signado.

A Ultranoite volve á Sala Capitol no mes de xaneiro, coincidindo co inicio de 2027, no que Chévere vai cumprir corenta anos de traxectoria. Así que esta Ultranoite servirá para celebrar que, despois de tanto tempo, seguimos dando a cara no escenario. Vinde celebralo con nós! Unha Ultranoite de Reis sen reis, pero con moitos agasallos!

Non sabemos de que vai falar a Ultranoite, aínda hai que esperar acontecementos porque están pasando moitas cousas. Pero o que si sabemos é que será un novo exercicio de liberdade de expresión e que practicaremos o humor sen os sacrificios que nos pide Feijoo.

En escena estarán Patricia de Lorenzo, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Antón Coucheiro, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire.

A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista, sen parecerse a ningún. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca poética visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro. Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é o contrarrelato das crónicas de sociedade e un fenómeno metereolóxico único na historia recente da produción cultural galega.

A Ultranoite fíxose na Sala Nasa en Santiago de Compostela de maneira regular entre os anos 1993 e 2011. No 2012 Chévere trasladouse ao concello de Teo e co grupo viaxou a Ultranoite, que se mostrou con estabilidade no Auditorio Constante Liste da Ramallosa ata o ano 2019. Nos anos 2022 e 2023 a Ultranoite fíxose no saló de baile do Liceo de Noia. E no 2024 volveu a Compostela, usando a plataforma de amarre que nos facilitaron desde a Sala Capitol. En total, ao longo de 34 anos fixéronse 117 Ultranoites distintas, superando as 260 funcións.